Posted tagged ‘Prensa’

Filminho en Compostela

06/05/2009

O Filminho segue a facer amigos!

O Festival ofrecerá  un encontro informativo en Santiago de Compostela o vindeiro mércores día 13. A cita será na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a iso das 13:30 e, ademais dos relatorios e coloquio, tamén terá tempo para que os interesados poidan ver algún dos filmes participantes na edición do 2009.

Queren pasar un bo rato co André Martíns ou co Xurxo González? Non deixen de acudir…

Luís Cividanes (equipo de comunicación)

Primeira nota de prensa enviada! (post a deshoras)

14/04/2009

O FILMINHO 2009 ABRE O PERÍODO DE INSCRICIÓN PARA AS SÚAS MOSTRAS COMPETITIVAS

A segunda edición do Festival de cine galego e portugués celebrarase entre o 16 e o 19 de xullo en Tomiño e Vila Nova de Cerveira


Tomiño-Vila Nova de Cerveira. 14 de abril de 2009. Ata o próximo 30 de maio a organización do Filminho – Festa do cinema Galego e Portugués – comeza a recibir inscricións para as mostras competitivas. A inscrición é gratuíta e pode ser feita a través do portal www.filminho.info, e do e-mail info@filminho.info.

A segunda edición do Filminho terá lugar nos días 16,17,18 e 19 de xullo en Vila Nova de Cerveira (Portugal) e no concello de Tomiño. As principais seccións competitivas do Filminho son o Gran Premio, atribuído ao mellor filme de produción galega e/ou portuguesa en competición no Festival e Cinema Miñoto, orientado para filmes realizados ou con referencias á rexión.

Conforme o regulamento, a preselección será realizada por un xurado nomeado pola dirección do festival. Os filmes concorrentes deberán seguir os seguintes requisitos: as obras (de calquera xénero ou duración) teñen que ser posteriores ao 1 de xaneiro de 2008; ser faladas, ou subtituladas, en galego e/ou portugués; estar dispoñibles para exhibición en 35mm ou Vídeo (DVCAM, DV ou miniDV, só sistema PAL). No caso de que o filme fose seleccionado, o responsable recibirá unha notificación por e-mail ata o día 21 de xuño de 2009.

As exhibicións terán lugar en dous grandes espazos: no Auditorio de Goián (Tomiño), unha sala máis tradicional, e no Auditorio de Cerveira, ao ar libre. O regulamento e a ficha de inscrición están dispoñibles no portal web www.filminho.info.

Filminho 2009

En breve, podemos sinalar dous puntos destacados do Filminho:

1) O Audiovisual Galego e Portugués. A continuidade cultural, lingüística e xeográfica entre Portugal e Galicia fornece aos criadores e mercados audiovisuais todo un mar de oportunidades para explorar e debe ser reflectida nas imaxes cinematográficas. Nos tempos que corren, non temos dúbidas de que algo que é necesario cultural e economicamente, non debe fallar.

2) O seu carácter transfronteirizo. É sinxelo para un festival o ser internacional por recibir filmes de varias nacionalidades. Porén, que un festival o sexa porque acontece en dous países é algo completamente diferente. Porque se estabelece sobre a fronteira, anulando calquera distancia, xuntando pobos e culturas, sen quedar nun sentido conceptual ou discursivo, séndoo fisicamente, na propia realidade.

Nesta edición, o obxectivo do Filminho é dar a máxima atención a cada filme, a cada sesión, a cada convidado, a cada espectador, e a máxima visibilidade ás cinematografías, aos criadores, aos produtores e, claro, aos patrocinadores. Na programación, podemos adiantar xa a retrospectiva sobre o realizador Edgar Pêra.

Declaracións

“O Filminho arrisca e deseja petiscar. Nunca deixaremos de fazer um festival que arrisca. É característica do Filminho agradar a uns e não agradar a outros, pois nada de verdadeiro pode ser perfeito. O Filminho quer marcar o seu tempo, modificar as formas de olhar o Minho transfronteiriço e tudo o que o compreende”.

André Martins, director do Filminho.

“Saudamos a chegada do Filminho, que sen dúbida axudará a aproximar e a intensificar un proveitoso ir e vir de xentes, cultura e ideas. O Filminho é o primeiro grande evento cultural que acontece, ao mesmo tempo, en Galiza e en Portugal, feito por e para galegos e portugueses”.

Sandra González, Alcaldesa do Concello de Tomiño.

“O Filminho é um evento que consagra a proximidade geográfica e os numerosos vínculos entre a Galiza e Portugal como a afinidade idiomática e cultural”.

José Pedro Ribeiro, do Instituto do Cinema e Audiovisual de Portugal.

“O Filminho é un proxecto deseñado para potenciar o encontro e a convivencia entre creadores de dous países”.

Manuel González, Axencia Audiovisual Galega.