Posted tagged ‘Convocatoria’

Primeira nota de prensa enviada! (post a deshoras)

14/04/2009

O FILMINHO 2009 ABRE O PERÍODO DE INSCRICIÓN PARA AS SÚAS MOSTRAS COMPETITIVAS

A segunda edición do Festival de cine galego e portugués celebrarase entre o 16 e o 19 de xullo en Tomiño e Vila Nova de Cerveira


Tomiño-Vila Nova de Cerveira. 14 de abril de 2009. Ata o próximo 30 de maio a organización do Filminho – Festa do cinema Galego e Portugués – comeza a recibir inscricións para as mostras competitivas. A inscrición é gratuíta e pode ser feita a través do portal www.filminho.info, e do e-mail info@filminho.info.

A segunda edición do Filminho terá lugar nos días 16,17,18 e 19 de xullo en Vila Nova de Cerveira (Portugal) e no concello de Tomiño. As principais seccións competitivas do Filminho son o Gran Premio, atribuído ao mellor filme de produción galega e/ou portuguesa en competición no Festival e Cinema Miñoto, orientado para filmes realizados ou con referencias á rexión.

Conforme o regulamento, a preselección será realizada por un xurado nomeado pola dirección do festival. Os filmes concorrentes deberán seguir os seguintes requisitos: as obras (de calquera xénero ou duración) teñen que ser posteriores ao 1 de xaneiro de 2008; ser faladas, ou subtituladas, en galego e/ou portugués; estar dispoñibles para exhibición en 35mm ou Vídeo (DVCAM, DV ou miniDV, só sistema PAL). No caso de que o filme fose seleccionado, o responsable recibirá unha notificación por e-mail ata o día 21 de xuño de 2009.

As exhibicións terán lugar en dous grandes espazos: no Auditorio de Goián (Tomiño), unha sala máis tradicional, e no Auditorio de Cerveira, ao ar libre. O regulamento e a ficha de inscrición están dispoñibles no portal web www.filminho.info.

Filminho 2009

En breve, podemos sinalar dous puntos destacados do Filminho:

1) O Audiovisual Galego e Portugués. A continuidade cultural, lingüística e xeográfica entre Portugal e Galicia fornece aos criadores e mercados audiovisuais todo un mar de oportunidades para explorar e debe ser reflectida nas imaxes cinematográficas. Nos tempos que corren, non temos dúbidas de que algo que é necesario cultural e economicamente, non debe fallar.

2) O seu carácter transfronteirizo. É sinxelo para un festival o ser internacional por recibir filmes de varias nacionalidades. Porén, que un festival o sexa porque acontece en dous países é algo completamente diferente. Porque se estabelece sobre a fronteira, anulando calquera distancia, xuntando pobos e culturas, sen quedar nun sentido conceptual ou discursivo, séndoo fisicamente, na propia realidade.

Nesta edición, o obxectivo do Filminho é dar a máxima atención a cada filme, a cada sesión, a cada convidado, a cada espectador, e a máxima visibilidade ás cinematografías, aos criadores, aos produtores e, claro, aos patrocinadores. Na programación, podemos adiantar xa a retrospectiva sobre o realizador Edgar Pêra.

Declaracións

“O Filminho arrisca e deseja petiscar. Nunca deixaremos de fazer um festival que arrisca. É característica do Filminho agradar a uns e não agradar a outros, pois nada de verdadeiro pode ser perfeito. O Filminho quer marcar o seu tempo, modificar as formas de olhar o Minho transfronteiriço e tudo o que o compreende”.

André Martins, director do Filminho.

“Saudamos a chegada do Filminho, que sen dúbida axudará a aproximar e a intensificar un proveitoso ir e vir de xentes, cultura e ideas. O Filminho é o primeiro grande evento cultural que acontece, ao mesmo tempo, en Galiza e en Portugal, feito por e para galegos e portugueses”.

Sandra González, Alcaldesa do Concello de Tomiño.

“O Filminho é um evento que consagra a proximidade geográfica e os numerosos vínculos entre a Galiza e Portugal como a afinidade idiomática e cultural”.

José Pedro Ribeiro, do Instituto do Cinema e Audiovisual de Portugal.

“O Filminho é un proxecto deseñado para potenciar o encontro e a convivencia entre creadores de dous países”.

Manuel González, Axencia Audiovisual Galega.

 

Anúncios